En Ribadeo rematan hoxe os trámites para a licitación do servizo de abastecemento de auga potable e para a expropiación de Casa Maseda. Será no pleno municipal que se celebrará esta tarde.

Pleno Ribadeo

En Ribadeo rematan hoxe os trámites para a licitación do servizo de abastecemento de auga potable e para a expropiación de Casa Maseda. Será no pleno municipal que se celebrará esta tarde. 

O alcalde, Dani Vega, dixo que “esta tarde noite temos un pleno municipal onde abordamos asuntos de interese. Durante todo este período, un ano e pouco de goberno,  nos plenos abordamos asuntos moi importantes e fundamentais. É verdade que con moita tramitación administrativa. Son plenos que queren abordar asuntos que levaban parados moito tempo”. 

O rexedor subliñou: “por exemplo, a licitación do servizo do abastecemento da auga potable, a rede de saneamento e depuración de augas residuais. É un tema fundamental. Hoxe concluímos todo un proceso de traballo administrativo burocrático e polo tanto licitaremos o servizo da auga. É verdade que non nos vamos a quedar aí. Nosoutros tamén fomos capaces de xestionar durante este ano e pouco un convenio coa Xunta de Galicia, con Augas de Galicia concretamente, de 7,5 millóns de euros, unha obra total de 8,5 millóns para mellorar toda a rede de abastecemento de auga”. Para Dani Vega “os servizos son básicos, se queremos ter vivenda, se queremos ter industria, se queremos ter un pobo avanzado, necesitamos unha rede de abastecemento de auga digna, e non ter estas roturas continuas todos os días. Hoxe damos outro paso máis, non só tendo un convenio que nos garante esa obra, senón tamén licitando para que as empresas se presenten e durante os próximos anos ter esa tranquilidade de que haxa unha boa xestión da auga, unha empresa que xestione perfectamente todo este servizo”. 

O alcalde comentou: “son temas farragosos, pero moi importantes. E tamén levamos ao pleno de hoxe a expropiación da Casa Maseda. Aquí a tramitación durante este ano foi complexa, houbo que contestar ás alegacións, desestimámolas e agora o que vamos é xa declarar expropiada a Casa Maseda e instar á Xunta á ocupación urxente dado o estado ruinoso do edificio. Deste xeito damos un paso máis tamén en garantir ter edificios significativos cunha carga histórica, cun sitio estratéxico, garantir que sexan públicos cunha estratexia pública e evidentemente con obxectivos, e neste caso o que queremos é converter a Casa Maceda nunha casa para ben público, de interese público, como é unha oficina de turismo, como tamén é darlle cabida á Xunta coa súa oficina de destino turístico Galicia, esa marca Galicia Calidade e tamén un punto de información ao peregrino”. 

Dani Vega engadiu: “concluímos dous temas neste pleno que levamos abordando durante moito tempo, pero que esa administración, esa carga da administración burocrática, creo que é abusiva e eu creo que é moi farragosa. Pouco a pouco vamos dando resposta a moitos temas e pouco a pouco vamos dando resposta a temas que estaban olvidados e xa vamos concretar para ir investindo e mellorando ese Ribadeo que queremos que avance”.