A concelleira de Turismo, Marta Saiz, fai un balance moi positivo.

Cerca de 3.000 persoas foron atendidas nas oficinas de turismo de Ribadeo durante a Semana Santa. A concelleira de Turismo, Marta Saiz, fai un balance moi positivo.

A edil ribadense dixo: “despois de rematada a Semana Santa podemos facer un balance moi positivo deste período vacacional. O total de viaxeiros atendidos nas nosas oficinas de turismo superou as 2.900 persoas. Obsérvase un lixeiro ascenso con respecto ao anterior, a pesares das adversas condicións climatolóxicas que provocaron o peche da praia das Catedrais o pasado sábado. Aínda así as reservas para ver o areal completáronse tanto o xoves como o venres”.

Saiz contou que “a oficina de turismo da vila abriu durante todos os días deste período vacacional en horario de mañá e de tarde contabilizando un total de máis de 800 persoas. O día de maior afluencia foi o venres santo, con 159 persoas atendidas. E o punto de información turística da praia das Catedrais, que tamén abriu todos os días da Semana Santa, rexistrou un total de 2.119 persoas. O día de maior afluencia foi o xoves,17 de abril, con 537 persoas”.

A concelleira de Turismo indicou que “no tocante á procedencia, a maior partes dos viaxeiros e viaxeiras que visitaron o noso concello foron nacionais, procedentes das comunidades de Madrid, País Vasco, Castilla-León e Galicia. No caso dos turistas internacionais, destacan os visitantes de Alemania, Argentina, Francia, Asia e Reino Unido. E a ocupación hoteleira durante este período roldou un 80 por cento, mais ou menos”.

Marta Saiz tamén aludiu á boa acollida que tiveron as visitas guiadas gratuítas ofrecidas polo Concello de Ribadeo: “durante a ponte festiva e co fin de potenciar a imaxe de Ribadeo como destino turístico de cultura e natureza, organizáronse novamente visitas guiadas gratuítas. Dividíronse en dous grupos: as visitas que percorreron a vila e as visitas xeolóxicas polo litoral, mais coñecidas como Xeorutas”.