Ata o 16 de xuño está aberto o prazo para presentar solicitudes de participación no Mercadiño de Ultramar que se celebrará o 12 de xullo.

No Concello está aberto ata o 16 de xuño o prazo para presentar solicitudes de participación no Mercadiño de Ultramar que se celebrará o 12 de xullo, no marco do X Ribadeo Indiano.
A concelleira de Promoción Económica e Turismo, Marta Saiz, explicou que “o Mercadiño de Ultramar terá lugar na Rúa San Roque durante o día 12 de xullo en horario continuo de 11:00 a mañá ata a finalización do Festival de Habaneras que será aproximadamente sobre as 22:00 horas. Poderán participar preferentemente as persoas físicas ou xurídicas que desenvolvan algunha actividade relacionada coa cultura indiana ou da época (finais do S.XIX e principios do S.XX)”.
A edil ribadense contou que “para a garantir a diversidade de produtos no mercado a organización asegurará a maior diversificación dentro de cada categoría de produtos presentados, sempre que cumpran os criterios xerais destas bases”.
Se o número de solicitudes excede ao número de postos ofertados aplicaranse os seguintes criterios de selección:
- Estética: terase en conta a vestimenta, ambientación e decoración do posto.
- Produto: terase en conta a calidade de produto e a súa adaptación á temática do mercado.
- Que o produto estea vinculado ao territorio
- Reservaranse, se houbese solicitudes, 3 postos coa actividade de peiteado/colocación de tocados.
En caso de empate realizarase un sorteo.
Saiz indicou: “xa queda menos para a celebración do X Ribadeo Indiano, e o Mercadiño de Ultramar contribuirá a encher de vida a rúa San Roque un ano máis”.
Os/as interesados/as deberán presentar as súas solicitudes no rexistro xeral do Concello ou na sede electrónica do Concello de Ribadeo http://ribadeo.sedelectronica.gal xunto co modelo de inscrición debidamente cumprimentado e a documentación requirida ata o 16 de xuño de 2025 (incluído).