O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez e o concelleiro de Medio Ambiente, Horacio Cupeiro asistiron hoxe ao I Encontro de Núcleos Piloto de Sostibilidade de Galicia que se celebrou en Santiago.
O rexedor lembrou que o acordo adoptado en pleno por unanimidade hai uns meses permitiu que Ribadeo fose escollido como un dos cinco concellos galegos que entraron nesta nova remesa de núcleos sostibles. Desta iniciativa, que desenvolve a Consellería de Medio Ambiente, beneficiaranse xunto con Ribadeo, o único concello lucense que entrou no programa, os municipios de Oza dos Ríos, Curtis, O Carballiño e Lalín. Fernando Suárez asegurou que, grazas a esta elección “poderemos abordar unha serie de actividades de sustentabilidade que porán en valor o noso medio ambiente”.
Máis de 200.000 euros
Ribadeo recibirá coma núcleo sostible de Galicia importantes partidas económicas ao longo dos vindeiros anos. Neste 2008 a cifra que percibirá será de 28.000 euros, 85.000 serán os que reciba o Concello no ano 2009 e 90.000 no 2010. Con cargo a estes orzamentos o Concello instalará paneis solares na piscina municipal, o que, en palabras do rexedor ribandense “suporá un aforro enerxético importante e ao mesmo tempo daremos exemplo do que as enerxías renovables poden ter de positivo”.
Xunto con esta actuación, o goberno ribadense pretende abordar tamén actividades de reciclaxe mediante a instalación de composteiros en varios puntos da vila e campañas de aforro no consumo de auga e de enerxía. Neste sentido, Fernando Suárez informou de que se tomarán medidas no ámbito do alumeado público “tal e como anunciamos hai uns días”, informou o alcalde.
Suárez Barcia anunciou tamén que se prevé “a creación dunha axencia local de sustentabilidade e avanzar na execución das Axendas 21 tanto local coma escolar”. O alcalde felicitou “a todos os grupos políticos do Concello” xa que, segundo manifestou “co seu apoio unánime fixeron posible que participásemos nesta iniciativa e que Ribadeo fose seleccionado como concello piloto neste programa”. En representación do goberno municipal, o alcalde manifestou que “agora tócanos a responsabilidade de desenvolver estas iniciativas para que o noso concello sexa un espello no que outros poidan mirarse, pois este programa, lonxe de ser unha traba é unha oportunidade de traballo e unha fonte de riqueza”.