Foro de Economía Social

Ribadeo celebrará este sábado, 19 de setembro, a partir das 10:30 horas na Praza de Abastos, o Foro de Economía Social, unha xornada destinada a dar a coñecer e poñer en valor o papel da economía social, o cooperativismo e as iniciativas que contribúen á creación de emprego, á inclusión social e ao desenvolvemento económico do territorio.
O Foro nace como un espazo de encontro, participación e intercambio de experiencias, no que diferentes entidades, profesionais e iniciativas vinculadas á economía social poderán compartir coñecementos e reflexionar sobre novas formas de producir, traballar e xerar actividade económica desde unha perspectiva máis próxima, colaborativa e sostible.
Ao longo da xornada desenvolveranse mesas redondas, intervencións de persoas especialistas e presentación de experiencias de entidades e iniciativas de economía social, abordando cuestións relacionadas co cooperativismo, o emprendemento colectivo, a inclusión social e as oportunidades que ofrece a economía social para o desenvolvemento do territorio.
A programación do sábado terá tamén un espazo dedicado aos produtos de proximidade, coa celebración, ao remate da xornada, dunha degustación elaborada da man do restaurante El Oviedo. Esta actividade permitirá achegar á cidadanía a calidade dos produtos do territorio e poñer en valor a importancia do consumo local e das relacións entre produtores, comercio e hostalaría.
A actividade continuará durante o domingo, 20 de setembro, coa celebración do Mercado dos Domingos, poñendo novamente o foco no comercio de proximidade e na importancia de apoiar a produción e o consumo local. A xornada do domingo contará coa actuación musical de Illa Pancha, completando así un programa que une economía social, cooperativismo, comercio de proximidade, produtos locais e cultura, favorecendo un espazo de encontro aberto á participación da cidadanía.
A concelleira de Comercio, Marta Saiz, salienta “a importancia de impulsar este tipo de iniciativas, que permiten visibilizar proxectos que sitúan as persoas, o comercio de proximidade e o territorio no centro da actividade económica, ao tempo que favorecen a creación de redes de colaboración entre entidades, empresas, administracións e cidadanía”.
O Foro de Economía Social está organizado polo Concello de Ribadeo, no marco da Rede Eusumo, co obxectivo de contribuír á promoción e difusión da economía social e do cooperativismo e favorecer o coñecemento das oportunidades que estes modelos poden ofrecer para o desenvolvemento económico e social do territorio.
A edil ribadense convida “á veciñanza de Ribadeo e da comarca a participar nas actividades programadas durante a fin de semana e a achegarse á Praza de Abastos para coñecer de primeira man diferentes iniciativas vinculadas á economía social, gozar dos produtos de proximidade e participar nunha programación que busca dinamizar o comercio local e fortalecer as relacións económicas e sociais no territorio”.
Programa e inscricións: https://eventos.medrarsolutions.com/event/foro-economia-social-61/register



