Concello de Ribadeo


Compartir:

Turismo


Desde a área de Desenvolvemento do Concello de Ribadeo promóvense programas, tanto propios como en colaboración con outras administracións, que atenden ao desenvolvemento dos recursos endóxenos do concello en diferentes eidos. O turismo, por ser un dos maiores potenciais de Ribadeo para o seu desenvolvemento socioconómico, é un deles.

Estas son, polo de agora, algunhas das actuacións máis relevantes que o Concello de Ribadeo ten levado a cabo neste eido:

Programa 'Ribadeo porta norte'
Trátase dun novo paquete turístico posto en marcha en xuño de 2008 entre o Concello, a área de Turismo da Deputación de Lugo e a Dirección Xeral de Turismo da Consellaría de Innovación e Industria, en colaboración con FEVE.

Con este programa iniciouse, con vocación de continuidade e consolidación, unha nova andadura no eido da promoción do turismo en Ribadeo. Para isto, deseñouse un paquete turístico que aproveita o paso da liña FEVE pola localidade e que pretende atraer visitantes á localidade nas épocas de menor afluencia de turistas.

O programa consiste nunha excursión que parte de Xixón para realizar varias paradas en diferentes puntos da rede de vía estreita co obxecto de recoller aos visitantes. Por un prezo de 98 euros inclúe transporte, aloxamento, comidas, visita en lancha e excursións pola zona.

Edición de material turístico
A calidade do sector turístico dun concello vén marcada en certa medida pola información que este ofrece aos visitantes. Co fin de achegarlles o coñecemento e posta en valor do patrimonio histórico e natural ribadense, como un activo para o desenvolvemento local, deseñouse un atractivo mapa turístico que inclúe un mapa-guía tanto do centro urbano como de todo o territorio do concello no que se indican os recursos turísticos e lugares máis interesantes da localidade.

Xunto con este mapa, editáronse tamén unha serie de folletos informativos de lugares pintorescos e de importancia turística de Ribadeo, tales como a parroquia de Rinlo ou o lugar da Ponte en Arante.
Logo Ribadeo Porta Norte


© 2008 Concello de Ribadeo