O rexedor ribadense, Fernando Suárez, dirixiuse ao presidente de Portos de Galicia para comunicarlle que, “se ben pode vir a Ribadeo cando o desexe a resolver cuestións do seu departamento como é lóxico” non considera que estas viaxes deban aproveitarse para incidir “nas bondades dun proxecto totalmente inadecuado para o porto e para Ribadeo”. Suárez Barcia lembrou que sería en todo caso o Concello o que tería que dar a licenza de obra e que “Portos de Galicia, con todos os meus respectos, non se está a comportar unha administración que debe defender só os intereses concretos dunha empresa, senón que ten que sopesar todo”.
Segundo declaracións do alcalde, “a totalidade da corporación de Ribadeo manifestou de xeito unánime que non é aceptable nin admisible a construcción desta obra no porto comercial de Ribadeo”. As medidas da devandita nave, tal e como sinalou Fernando Suárez serían “similares ás de un campo de fútbol e cunha altura como a de un edificio de oito plantas”.
Ante a posibilidade de que sobre o goberno local puidesen recaer acusacións de estar freando o desenvolvemento económico de Ribadeo, o rexedor comentou que “a proba de que iso non é así é que no día de onte demos un gran paso para a construción dun polígono industrial que vai crear emprego de calidade, por iso imos en marcha a subestación eléctrica que tanta falla lle fai ao polígono de Ribadeo e a o propio Concello”.
Canle da ría
O alcalde ribadense sinalou tamén que “se Portos de Galicia quere mellorar a capacidade do porto ribadense o que debe facer é dragar o canal da ría”, ao que engadiu que “o peirao comercial de Ribadeo ten capacidade sobrada para soportar un incremento do tráfico de mercadorías, singularmente do de pasta de papel que poida vir da factoría de Ence de Navia, sen necesidade de construír unha nave que vai contra todo criterio racional”.
Fernando Suárez considera que o porto comercial de Mirasol é susceptible de incrementar as súas funcións de carga e descarga, sinalando que a única limitación que existe ao respecto é a do número de barcos que poidan entrar nun día na ría de Ribadeo, algo que, segundo o alcalde “está á marxe da creación dunha nave cuberta e Portos de Galicia aínda non demostrou realmente cantas horas se perden ao ano en cuestión de carga e descarga por mor da chuvia”. Fernando Suárez engadiu que “o único factor que Portos de Galicia ten para xustificar a construcción desta nave é a de protexerse das inclemencias do tempo, pero en Ribadeo son poucas as horas ao ano nas que non se pode traballar por esta causa”.