Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto acceso Illa Pancha

O CONCESIONARIO FOI MULTADO NOS ÚLTIMOS DÍAS

Acceso á Illa Pancha

05/08/2022

O alcalde, Fernando Suárez, celebra que a Autoridade Portuaria Ferrol-San Cibrao se comprometa a garantir o acceso libre e público á Illa Pancha. Algúns turistas xa puideron acceder este mediodía, ao igual que o rexedor e os concelleiros de Turismo e Medio Rural, Pablo Vizoso e Marcos Villamil. A Brigada de Obras municipal retirou o cartel que prohibía o paso a esa zona.

Suárez Barcia lembrou que "hai poucos meses o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia resolveu de xeito claro que o acceso á Illa Pancha debía ser libre e público con independencia da xestión que poida facer a actividade privada que nunha pequena parte da illa concesionou o Estado a través da Autoridade Portuaria de Ferrol-San Cibrao. Con isto quedaba resolta calquera outra interpretación xurídica ao tempo que confirmaba a actuación administrativa levada a cabo polo Concello de Ribadeo en todo este proceso". 

O alcalde dixo que "lamentablemente desde o Concello fomos advertindo que neste caso as normas e as sentenzas que as avalaron seguían sen cumprirse ou só se cumprían cando o concesionario o tiña a ben. De aí que nestas últimas semanas ordenóuselle á Policía Local que fixera periódica e aleatoriamente controis para saber se o acceso público quedaba garantido. O resultado de todo este control obrigou ao Concello a impoñer senllas multas coercitivas consecutivas ao titular da actividade privativa e finalmente un requirimento de non argallar máis para incumprir as normas ou o Concello veríase na necesidade de executar as accións subsidiarias pertinentes para garantir o acceso público".

Fernando Suárez seguiu a relatar que "foi neste momento, é dicir, hai unha semana, cando finalmente a Autoridade Portuaria, xorda e cega durante anos, contactou co Concello a través dos seus equipos xurídicos para dalgún xeito desculpar a súa desatención durante todo este tempo e garantir de que de maneira inmediata e de aquí en diante a situación ía cambiar radicalmente e para sempre".

O rexedor subliñou que "desde o Concello celebramos que sexa así e celebramos igualmente que a Autoridade Portuaria se comprometa por ela mesma a tomar as medidas necesarias sen recorrer ao seu concesionario, máis que de xeito pautado e transitorio dunhas poucas semanas e mentres non se implementan os sistemas técnicos comprometidos".

Fernando Suárez engadiu que "desde o Concello de Ribadeo manifestamos, como sempre o temos dito, que nada temos que obxectar ás actividades que o Estado poida concesionar nesta illa da súa responsabilidade, apartamentos turísticos ou unha cafetería, como de feito o fai noutros espazos públicos da súa titularidade no resto do litoral de Galicia e do Estado. O que sempre rexeitamos foi que un concesionario duns 500m2 se apropiase de facto e para o seu interese dos 12.000m2 da superficie de toda a illa".

O alcalde agarda que "a palabra dada se cumpra, porque se non, tal e como tiñamos previsto de non acceder ao último requirimento ordenado hai poucos días, o Concello procedería sen máis dilación a retirar coa Brigada Municipal de Obras a porta de acceso á Illa Pancha. Alegrámonos que isto non tivera que ser así, pois a nosa Brigada Municipal ten abondo traballo que realizar sen ter que destinar estes recursos a poñer xustiza con concesionarios obtusos e con Administracións que durante anos foron xordas e mudas".

Documentación

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo