Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Eo Alimenta

O 23 E O 24 DE SETEMBRO SERÁ A NOVA CITA EN RIBADEO

Eo Alimenta

04/07/2022

O pasado xoves, 30 de xuño, Eo Alimenta presentou publicamente en Ribadeo a Estratexia Alimentaria e o Festival da Alimentación Sustentable.

En dita presentación, contouse coa presenza de cargos técnicos e representantes públicos da Deputación de Lugo, do Comisionado para o Reto Demográfico do Principado de Asturias, da Asociación Interrexional InterEo, e dos concellos de Ribadeo, Vegadeo, Castropol, así como coa de representantes dos grupos de desenvolvemento rural Terras de Miranda e Oscos-Eo, de proxectos produtivos como o de Finca El Cabillón, de grupos de consumo como o de As Grelas, da Universidade de Santiago de Compostela e do Sindicato Labrego Galego. 

Durante a presentación, púxose de manifesto o gran traballo feito en común entre máis de cincuenta persoas e axentes do territorio vinculado á bacía do río Eo, así como a importancia de comezar a fase de implementación das medidas contempladas na Estratexia Alimentaria do Eo, nun contexto marcado polas subas de prezos, as crises de subministros de cereais e o despoboamento do rural. 

Pola súa banda, presentouse o cartaz do Festival da Alimentación Sustentable do Eo, unha nova iniciativa que se celebrará os días 23 e 24 de setembro en diferentes espazos da vila de Ribadeo, e que consistirá en dous días de ocio e concienciación en torno á alimentación de proximidade e agroecolóxica, a través de diferentes actividades e propostas (concertos, obradoiros, performance, catas, feira, etc.) que darán respostas aos principais retos que afrontamos na actualidade en relación ao modelo de produción, distribución e consumo de alimentos. 

Eo Alimenta é un proxecto participativo financiado pola Fundación Carasso, no que traballan dende hai máis dun ano e de forma colectiva diversos axentes vinculados ao sector da alimentación (administración, persoas consumidoras, organizacións agrarias, proxectos de produción agroecolóxica, universidades, grupos de desenvolvemento rural, etc.). 

O obxectivo deste proxecto é facer posible un modelo alimentario para o territorio do río Eo que aborde o reto de conseguir auto abastecer de alimentos a todo o territorio a partir dos produtos ofrecidos polo propio territorio e a través de diferentes medidas que redunden no fortalecemento e a articulación da produción agroecolóxica a pequena escala, no impulso do consumo de proximidade, no apoio ao comercio local ou no compromiso por parte das administración públicas de levar a cabo procesos de compra pública responsable.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo