Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Catedrais

BARCIA DEMANDA QUE SE POÑA A ANDAR

As Catedrais

05/04/2021

O alcalde, Fernando Suárez, avogou esta mañá diante da conselleira de Medio Ambiente, Ángeles Vázquez, pola posta en valor do plan especial das Catedrais elaborado polo Concello. Para o rexedor hai dúas actuacións importantes a acometer: un aparcadoiro para acoller o transporte público e o privado así coma o apeadoiro de Feve e a creación de carreiros de madeira ou de saburra cuns miradoiros para que a xente desde arriba poida ver As Catedrais con seguridade en marea alta.

O rexedor quixo "agradecer a presenza da conselleira e as súas boas palabras, que compartimos, sobre a prudencia e que temos aquí un monumento natural que precisamente despois desta pandemia eu creo que se vai ver reforzado no sentido de que o que poida ser o turismo despois do Covid vai querer ser un turismo de calidade, non masificado, en espazos abertos, non concentrado en 20 días ao ano … E eu creo que todos estes ingredientes danse aquí, nas Catedrais".

Suárez Barcia dixo que "ademais removemos obstáculos legais que había, temos todo ordenado, temos un plan especial aprobado co concurso e coa participación de todas as administracións. Entón agora o que queremos, e oxalá recollan o guante porque no diálogo parece ser que as cousas pintan ben, é que entre todos (a Xunta, a Deputación, o Estado a través dos diferentes ministerios e o Concello) poidamos poñer en valor ese plan especial, que de momento só é papel. Hai que poñelo a andar porque ten moito e di moito de cara ao turismo sostible e á seguridade".

O alcalde subliñou que "hai dúas cuestións que lle formulei agora á conselleira para empezar a traballar sen máis demora: unha é que nosoutros estamos iniciando os trámites para cumprir o que pon o plan especial sobre un aparcamento público que conciba no mesmo punto o transporte público e o privado, tamén o apeadeiro de FEVE, pero para iso hai que expropiar uns terreos e executar un proxecto. E iso require moito diñeiro, polo que é necesario o concurso non só do Concello. E outra parte que me parece tan importante ou máis é que, precisamente polo accidente que houbo hai tres anos e, como ben di a conselleira, é un momento natural, dinámico, a acción da natureza non se pode regular e é imprevisible, pero a xente segue vindo e vai vir máis. Sobre todo hai que ter en conta que en marea alta non hai areal e a xente tende a andar, aínda que estea prohibido, polos carreiros. Polo tanto é conveniente facer un sistema, que está previsto no plan especial, duns carreiros de madeira ou de saburra cuns miradoiros para que a xente poida ir pola parte de arriba con seguridade, con distancia do cantil e con todas as garantías para poder gozar e ter unha escusa para vir a Ribadeo e á Mariña para ver esta praia. E iso require tamén facerse cuns terreos e executar esa obra". 

E lembrou que "a este respecto hai uns meses solicitamos un programa Life, entre o Concello de Ribadeo e varias Universidades, da mesma maneira que estamos rematando de executar outro na ribeira da ría de Ribadeo. Non sabemos se nolo van conceder ou non, pero se nolo deran sería importante porque con iso xa teríamos resolto polo menos a adquisición dos terreos. Se non é así tamén lle pedimos apoio, con independencia de quen o lidere. Aquí agora non se trata tanto de quen o lidere: pode facelo perfectamente a Xunta e nosoutros sumámonos ao carro, ou ao revés, que se sume a Xunta e a Deputación. Iso tanto nos ten. Pero si é conveniente que nun período razoable de tempo, porque sei que as cousas non se fan de maneira inmediata e dificilmente estará para este verán, deberíanse planificar con obxectivos, con prazos e con orzamentos estas dúas actuacións que contempla o plan especial, que inclúe moitas máis cousas. Pero de entrada isto que melloraría a seguridade pública e a capacidade de poder recibir durante todo o ano á xente sen masificación e con seguridade creo que sería moi bo para Ribadeo, desde logo, para A Mariña e para o país".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo