Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Remourelle

IMPORTANTES E DEMANDADAS, SEGUNDO O NOVO EDIL

Obras en Remourelle

31/03/2021

O concelleiro de Medio Rural, Marcos Villamil, e o alcalde, Fernando Suárez, supervisaron as obras de mellora en varias pistas en Remourelle. O investimento roldará os 40.000 euros. O novo edil do goberno municipal dixo que asume o seu cargo con ilusión.

Villamil dixo: "collo o meu cargo con toda a ilusión do mundo, como principiante, pero con todo o apoio dos meus compañeiros do goberno municipal, que xa levan tempo loitando polos intereses dos veciños e das veciñas de Ribadeo".

O concelleiro de Medio Rural subliñou que "eu tentarei traballar polo medio rural, polas parroquias deste concello, tanto do interior como da costa. Sei que as circunstancias económicas xerais non son boas e estou seguro de que hai moitas máis necesidades que recursos. Pero desde esta área que vou levar tentarémolo facer o mellor posible".

Marcos Villamil explicou que "hoxe concretamente estou en Remourelle supervisando unhas importantes e demandadas obras de mellora do afirmado de varias pistas desta localidade. A situación destes camiños era realmente lamentable, case non pasaban os vehículos agrícolas; e agora, a través do Plan Único do Concello de Ribadeo xunto coa Deputación de Lugo, imos actuar nos próximos días".

O edil ribadense engadiu que "a obra foi adxudicada a Construcións Saa, de Foz, e o importante orzamento é de practicamente 40.000 euros. Os traballos que se farán son os seguintes: saneamento das zonas deterioradas, nivelación e rasanteo da plataforma actual, afirmado cunha capa de zahorra artificial, limpeza de gabias, obras de fábrica e limpeza dos canos existentes".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo