Ayuntamiento de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Apego

VOLVEN AS CAIXAS DE BENVIDA

Apego

04/03/2021

"Palma Repalma" é o programa do que gozarán todos os domingos do mes de marzo en Ribadeo as nenas e os nenos de ata tres anos. O día 7 Baobab Teatro estará no auditorio municipal con Ris Ras. Dentro do Apego a Concellaría de Cultura programa tamén propostas activas para as familias, segundo anunciou Pilar Otero Cabarcos.

A edil ribadense dixo que "hai uns días adiantamos a nosa programación cultural ata xuño, tamén a de público infantil. E hoxe seguimos centrándonos nas propostas específicas para bebés. Primeiramente queremos anunciar que volvemos ter as caixas de benvida que tanto éxito tiveran.  Este agasallo do Apego quere potenciar que as persoas adultas, e a súa familia máis próxima en particular, lle falen o galego ás súas crianzas. A caixa contén entre outros elementos un dudú -o polbiño PO- , e un álbum de fotografías. Todas as familias teñen dereito a elas mentres non se esgoten. A campaña está dirixida ao embarazo e ata despois de 6 meses do nacemento do bebé. As familias interesadas teñen que chamar ao teléfono de Cultura do Concello para pediren cita previa e alí terán unha entrevista e unha pequena charla arredor do que significa o proxecto Apego".

Pilar Otero subliñou que "a maiores, a novidade deste ano é que imos concentrar nun ciclo as artes escénicas específicas para nenas e nenos de ata 3 anos. É o programa Palma Repalma, que ocupará todos os domingos do mes de marzo ás 17.30 no auditorio. Trátase de espectáculos de música, teatro ou arrolos para os máis pequenos da casa. O primeiro deles terá lugar este mesmo domingo, 7 de marzo, e dános a posibilidade de ver unha das compañías de máis éxito, Baobab Teatro, coa súa obra Ris Ras. Está destinada para nenas e nenos de 1 ano en adiante. Ademais pasarán tamén polo auditorio Raquel Queizás, Caramuxo Teatro e Rilo & Penadique".

A concelleira de Cultura engadiu que "por último, no Apego en Ribadeo queremos incluír propostas activas, onde as familias non sexan simples espectadoras. Fixéranse xornadas de matronatación, sesións de arrolos con Ugia Pedreira e desta vez programamos dous obradoiros arredor do xogo heurístico a cargo de María Novo. Remato lembrando que terán información puntual a través da páxina do Facebook de Cultura Ribadeo e dunha listaxe de correo para a que haberá que dar o enderezo".

+ Noticias




© 2008 Concello de Ribadeo