Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Concello

O CONCELLO ESTÁ DISPOSTO A SEGUIR COLABORANDO CO SERVIZO

Xuntanza con Correos

22/01/2021

O alcalde, Fernando Suárez, manterá o vindeiro luns un encontro con responsables de Correos co obxectivo de mellorar o reparto. A xuntanza prodúcese despois das queixas realizadas por veciñxs e empresarios nos últimos días sobre a entrega da correspondencia, que en moitas ocasións non está a chegar aos seus destinatarios.

O rexedor dixo: "a respecto desta polémica existente co reparto de Correos desde o Concello de Ribadeo, como sempre facemos, non queremos alimentar ningunha polémica e queremos seguir traballando e coordinando o que sexa necesario dentro das posibilidades legais e operativas existentes, pero faise necesario aclarar as situacións de inicio que nos levaron até este momento".

Suárez Barcia sinalou que "desde o Concello de Ribadeo sempre fomos receptivos coas suxestións de Correos. Vai xa para 6 anos que se lle deu nome a diferentes rúas e viarios municipais que non o tiñan ou téndoa, plantexaba problemas de reparto".

O alcalde lembrou que "tamén nestes últimos anos fomos recibindo moitas queixas de veciños e veciñas que manifestaban que Correos deixaba de entregarlles correspondencia, moita dela certificada, alegando que non tiñan os datos do enderezo correcto. Desde aqueles momentos mantivemos diálogo con este servizo público estatal para tentar resolver os problemas. De aí que no ano 2018 acordamos realizar un ambicioso e custoso traballo para a revisión de todas as numeracións do concello, tanto na vila como nas parroquias".

Fernando Suárez subliñou que "todo isto fíxose para satisfacer a Correos, significando que Ribadeo debe ser o único Concello en toda a contorna en realizar este traballo global para tentar eliminar as posibles deficiencias, duplicacións, erros que se foron amoreando nun concello con forte crecemento urbanístico ao longo non dos últimos anos, senón dos últimos cincuenta anos. Con este encargo de renumerar centos de numeracións fíxose un traballo impresionante que quedará para as futuras xeracións xa que se lles deu número incluso aos solares que a día de hoxe non están edificados, para que cando no futuro o poidan estar xa conten cunha numeración concreta e que eviten futuras complicacións".

O rexedor manifestou que "tamén é de xustiza recoñecer a adaptación, con mais ou menos resignación, da maioría da veciñanza que foi cambiando a numeración dos seus portais e adaptándose a estes cambios necesarios para que o reparto de Correos chegue correctamente. E tampouco podemos obviar que o prazo transitorio de cambio viuse afectado pola pandemia, como tantas outras cousas nas nosas vidas, de aí que se estendera este proceso a todo o ano 2020".

Suárez Barcia engadiu: "pero agora, parece ser que o Servizo de Correos deu instrución de aplicar de maneira estrita os seus criterios de reparto e non entregando as cartas que non leven correctamente todos as súas variables de datos como o enderezo completo, o número correcto, etc. E por outra banda tamén parece que non toda a cidadanía fixo os cambios necesarios nos seus datos postais perante diferentes organismos (bancos, institucións, entidades, etc.) durante todo este  período transitorio".

O alcalde ribadense indicou: "na opinión deste Concello o Servizo Público de Correos debería, á vista desta situación social na que vivimos, aplicar de xeito mais gradual, mais didáctico e mais informativo os seus procedementos de entrega. E tamén desde logo desde o Concello laiámonos de que todo o que Correos lle esixiu a Ribadeo, non llelo esixa ao resto de Concellos da Mariña e do país, xa que Ribadeo non é o único concello que tivo un crecemento importante nos últimos 50 anos, pero tal parece que estas situacións só se dan aquí desde hai pouco tempo".

O rexedor aposta pola colaboración: "con todo, o Concello seguirá colaborando con Correos para lograr un concello moderno e ordenado a fin de que todas as cartas poidan chegar a todos os enderezos. É por isto que  acordamos manter unha xuntanza cos seus responsables o vindeiro luns para acordar novas medidas conducentes a restaurar unha normalidade desexada".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo