Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Certame

PILAR OTERO ANIMA A PARTICIPAR NESTA CITA

IV Certame Concello de Ribadeo

27/03/2020

A Concellaría de Cultura fixo públicas as bases do IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. Poden participar aquelas rapazas e rapaces da Mariña, que teñan entre 16 e 30 anos, nas modalidades de relato curto, poesía e debuxo.

A concelleira de Cultura, Pilar Otero, declarou que "o decreto do estado de alarma nos colleu a piques de difundir as bases do IV Certame Xuvenil Literario e de Artes Plásticas Concello de Ribadeo. De todas maneiras decidimos facelas públicas igualmente máis sen facer referencia a prazos nin modo de envío dos traballos, por razóns obvias".

A edil explicou que "este certame se pon en marcha co fin de dar a oportunidade de demostrar a súa capacidade creativa ás mozas e mozos dos concellos da Mariña. Polo tanto poderán participar todas aquelas mozas e mozos que a 20 de abril de 2020 teñan entre 16 e 30 anos, que naceran ou vivan en calquera concello da Mariña ou mesmo que estean matriculados en calquera centro educativo da Mariña de Lugo". 

Pilar Otero contou que "se establecen tres modalidades para presentar os traballos: relato curto, poesía e debuxo. Cada participante só poderá presentar un traballo para cada unha das modalidades. Deberán estar escritos en lingua galega, na normativa oficial, e aínda que a temática é libre valorarase de xeito especial que as obras teñan perspectiva de xénero e que reflictan aspectos ou elementos de Ribadeo e da comarca da Mariña. Pódense consultar as bases completas deste certame na páxina de facebook da Concellería de Cultura".

A concelleira de Cultura animou "a todas as persoas a aproveitar estes días de estar na casa para fomentar a súa creatividade e participar neste certame organizado dende a Concellería de Cultura".

As obras presentadas a este certame terán que ser orixinais e inéditos, tanto de xeito impreso como en calquera tipo de edición dixital. Os traballos na modalidade de relato curto deberán ter un mínimo de 3.000 caracteres e un máximo de 10.000, os de poesía non poderán sobrepasar os 150 versos e os de debuxo poderán estar realizados con calquera tipo de técnica, incluso asistidos por ordenador bidimensional. Todos estes traballos terán que presentarse en formato físico (papel DIN A3 ou DIN A4).

Haberá un premio de 300 euros por categoría e, se o xurado o considerara oportuno, poderanse crear accésits aínda que sen contía económica. O xurado tamén poderá deixar deserta calquera categoría.

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo