Concello de Ribadeo


Compartir:

Novas

Foto Levancho a casa

DISTRIBÚENSE CARTEIS COS TELÉFONOS DE CONTACTO

Lévancho á casa

27/03/2020

O Concello de Ribadeo pon en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da horta e a súa entrega gratuíta nos domicilios das persoas interesadas no consumo local. Será mentres dure o confinamento, segundo explicou este mediodía o concelleiro de Desenvolvemento Local, Pablo Vizoso.

O edil contou que "o Concello, en colaboración coas persoas produtoras e labregas de Ribadeo inscritas no REAGA, ven de poñer en marcha unha campaña para promover a venda directa dos produtos da nosa horta e a súa entrega nos domicilios das persoas interesadas en consumir o noso produto local".

Vizoso indicou que "as persoas consumidoras poderán ter as súas cestas de produtos de tempada e frescos na súa casa poñéndose en contacto coa produtora que elixa, que lle informará sobre a dispoñibilidade de cada produto e levaralle o pedido co desprazamento gratuíto no día que eles concreten. Trátase de produtos de tempada que habitualmente víñamos atopando no mercado e tamén de planta hortícola".

O concelleiro de Desenvolvemento Local explicou que "con esta iniciativa preténdese facilitar a venda de produtos de horta que anteriormente se distribuían no mercado e avanzar noutras formas de comercialización, ademais de promover que as persoas se queden na casa, que nestes momentos é o máis importante. Dende o Concello queremos animar deste xeito a consumir produtos da nosa zona, que son frescos, saudables e de temporada, axudando tamén a crear comunidade entre a veciñanza".

Pablo Vizoso engadiu: "quero remarcar que se trata dunha campaña aberta, na que poden participar todas aquelas persoas produtoras e labregas de Ribadeo que figuren inscritas no REAGA. Polo tanto quen queira participar que se poña en contacto co departamento de Desenvolvemento Local do Concello de Ribadeo".

+ Novas




© 2008 Concello de Ribadeo